O 11 de febreiro, a ONU proponnos conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena
na Ciencia, un día moi importante para facer soar as voces de todas aquelas mulleres que
quedaron a varrer na casa, mentres tiñan milleiros de hipóteses no seu maxín.
Durante toda a vida, as mulleres fomos consideradas farrapos, unha planta máis da casa
que estaba a limpar o aire. Porén, non era a incapacidade a que nos minguaba, senón unha
néboa “máis forte” e “obrigatoriamente” de pelo curto que tapaba o Sol e impedía que
medraramos. Porén, Sofía Sorbet Santiago, desde Marín e non desde Compostela, foi
quen de abrirse un camiño con lápis e libros.
Desde o IES de Meaño, a proposta da biblioteca, o alumnado de 3ºESO gozou dunha
conversa con ela para conmemorar esta data e escoitar a súa historia. Falounos dos seus
estudos, dos lugares do mundo nos que viviu (actualmente está no Reino Unido), das súas
experiencias... Ademais, compartiu algo que un mestre lle dixo no bacharelato: “As
mulleres non son listas, son traballadoras”. Estas palabras provocaron unha loita interna
en Sofía, quen estivo un ano escolar enteiro demostrando o contrario. Son estes ecos os
que con estas charlas estamos a intentar erradicar, porque aínda fan demasiado ruído.
Despois de coñecer un pouco da historia de Sofía, puidemos preguntarlle todas as nosas
dúbidas.
Persoalmente, unha muller galega relatando todo o que logrou foi moito máis que un
conto de boas noites. Foi forza e un anaquiño de claridade co potencial dun motor que
ilustra como os soños poden facerse realidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario