martes, 12 de mayo de 2026

GALA DOS PREMIOS JOSÉ HERMIDA

O pasado venres, o alumnado pertencente ao club de radio asistiu á segunda edición da gala de Premios Jose Hermida, organizada pola Cadena SER, en Pontevedra. Quedamos entre os vinte finalistas, polo noso programa relacionado coa IA, Conexión futuro


A gala estivo chea de sorpresas: gozamos co grupo De vacas, que fai versións de temas comerciais cun toque humorístico en galego; escoitamos o sorprendente Coro A Xunqueira, do IES Xunqueira I, e tivemos a sorte de presenciar un espectáculo de maxia protagonizado por Pedro Volta, un famoso ilusionista.

 

Estamos moi contentos e contentas por esta oportunidade e, dende esta entrada, queremos agradecer a Belén por axudarnos con este programa e facer posíbel acadar novas metas xuntos.

 


domingo, 10 de mayo de 2026





 

CELEBRANDO O DÍA DO LIBRO

Certo é que pasou tempo abondo dende o Día do Libro, mais coas vacacións de Pascua polo medio quedáranos esta entrada  sen incluír, e non era cousa de deixala pasar.

Para conmemorar ese día, a Biblioteca organizou diferentes actividades que contaron coa participación do alumnado do centro.

Cunha presentación preparada por Beatriz Salvo, a profe de EPeV, durante os recreos activos da semana do 20 a 24 de abril dedicámonos a dar nova vida a algúns dos nosos fondos expurgados.




Houbo diversas intervencións, mais non todas concluídas. Esperemos que as súas “autoras” veñan rematalas para que pasen á categoría de Libros intervidos, como estes que aquí aparecen:




Tamén se organizou unha Caza do tesouro para premiar o bo uso da biblioteca e repasar a formación de usuarios. Establecéronse diversas quendas e equipos,  pretendendo que  fosen equilibrados, e houbo premios para os que “mellor se manexaron”.




Ha, ha! Estabamos tan metidas na actividade que esquecemos as fotos!






Tras o éxito da convocatoria do ano pasado,  non podía faltar a convocatoria do concurso Un libro é unha porta que se abre de simulación das portas das aulas coma cadansúa tapa dun libro real ou evocado.

Dunha forma ou doutra, houbo propostas de todos os cursos e grupos. O xurado coas rúbricas nas mans foi percorrendo o centro na procura da portada que chamase a súa atención...



E as gañadoras resultaron ser...


E velaquí a celebración 









viernes, 8 de mayo de 2026

UN ENCONTRO INESQUECIBLE CON ROCÍO LEIRA

O pasado 22 de abril a nosa biblioteca encheuse de emoción, curiosidade e palabras grazas á visita de Rocío Leira, autora de Tres catorce dezaseis, a obra que compartimos no club de lectura durante o segundo trimestre.

Despois de convivir coas páxinas desta historia que mestura misterio, suspense e matemáticas, poder coñecer a persoa que lle deu vida foi un auténtico privilexio. Rocío achegounos ao proceso de creación da novela, ás emocións e experiencias que a inspiraron e fíxonos sentir, unha vez máis, a maxia da lectura.

Foi un encontro moi especial no que puidemos compartir impresións, emocións, preguntas e reflexións sobre unha obra que nos gustou moito.  A cercanía da autora, a súa xenerosidade e a maneira de responder cada unha das nosas preguntas (que foron moitas!) e ata dedicar cada un dos nosos exemplares fixeron que a mañá resultase inesquecible.

Grazas, Rocío, por regalarnos o teu tempo, as túas palabras e a túa mirada sobre a literatura en galego. Levaremos connosco este encontro como un deses momentos que fan da biblioteca un lugar cheo de vida.



martes, 5 de mayo de 2026



 PARABÉNS ÁS REPORTEIRAS DE 3º ESO


O IES de Meaño acaba de ser galardoado no concurso de Pódcasts-Radio na Biblio. O traballo gañador, titulado O pracer de tecer vida, foi creado polas reporteiras de 3º de ESO e ofrece un percorrido ameno pola biografía de Begoña Caamaño, homenaxeada nas Letras Galegas 2026.