lunes, 9 de noviembre de 2026

24 -31 de outubro: Semana Mundial da Alfabetización Mediática e Informacional (AMI)



Esta  foi unha semana intensa na bilioteca do centro. Comezámola celebrando a Semana Mundial da AMI e rematamos co Certame de Relatos de Terror. Todo moi intenso; pero vaiamos por partes.

A biblioteca organizou unha Caza do Tesouro para salientar a necesidade de desenvolver a capacidade para interpretar a  información do mellor xeito posíbel,  así como de a manexar de xeito apropiado.

Para iso luns, martes e mércores, por quendas,  organizáronse unha serie de retos que tiñan por obxecto poder explicar como sabemos se unha información é fiábel, que fontes podemos consultar e como contamos nós unha historia sen confundir realidade e ficcción. 

A nosa Caza do Tesouro relacionaba a nova do roubo de parte dun tesouro prehistórico en Villena coa da retirada temporal, por seguridade, do Tesouro de Caldas e do Tesouro de Agolada da exposición do Museo de Pontevedra, por recomendación do CIMU (Consello Internacional de Museos) ante os roubos doutros tesouros en diferentes localidades europeas; para rematar  un podcast finalista na segunda edición dos Premios José Hermida  Radio Pontevedra. Logo dunhas probas, accedíase ao gran tesouro que custodia a biblioteca e que non é outro que a información fiábel.


Para rematar a semana, e con motivo da celebración do Samaín, na biblioteca participamos da lectura e escoita dunha selección dos relatos presentados ao Certame de Relatos de Terror.  O ambiente foi distendido, pese a que algúns foron terroríficos  e que,  nalgunhas ocasións, o renxer dunha porta ou un riso histérico fíxonos pegar un chouto na bancada. Os  premios, segundo a  categoría e a lingua do relato en castelán, galego e francés fixéronse públicos o mesmo día 30, ao final da mañá, xunto cos outros premios: sobremesas, disfraces, ilustración de  pastas de libros.


    


  













lunes, 26 de octubre de 2026

Comezamos unha nova andaina no blog da biblioteca

 

RAP EN GALEGO

 

O pasado mércores, día 20 de outubro, vistounos un mozo chamado Cris[i] que nos falou sobre o rap en galego.

Comezou facéndonos preguntas sobre os distintos tipos de música que escoitabamos e os grupos musicais que coñeciamos. Seguiu preguntando polos grupos que facían música en galego que coñeciamos,  Tanxugueiras, Fillas de Casandra, A banda da Loba... Así foron saíndo nomes, a verdade hai moita xente facendo música en galego!

Tamén vimos uns vídeos de grupos rapeando en galego. Algúns eran grupos que coñecía e até saíu el mesmo, Nervo,  cantante de Rebeliom do inframundo, coas Fillas de Casandra.

Logo chegou a parte creativa, crear o noso propio rap en grupo, logo de facer no encerado unha chuvia de ideas para escribir o noso rap. A categoría foi: cousas que mellorar no instituto: máis tempo de recreo, máis saídas, máis empatía, falar máis galego etc.

Unha vez feito iso, comezamos a escribir os nosos  raps de arredor de catro estrofas coa música de fondo (jazz) que puxera Cris para axudarnos na concentración.

Despois dun tempo,  chegou o momento de mostrarlle ao auditorio (o propio alumnado) os nosos raps. Foi moi divertida esa parte. Todos estabamos rapeando, algúns coas capuchas postas e demais, acompañados dunha base que nos puxo na pantalla. Todas e todos desfrutamos do rap en galego.

Claudia Rodríguez Moreda, 2º ESO C

 



 








[i] Voz principal da banda Rebeliom do inframundo e integrante  CeibaRimas, proxecto que segue medrando e espallando o freestyle en galego

lunes, 22 de junio de 2026

Fin da viaxe!

 Hoxe tócame a min subir a entrega final deste curso que foi, para nós, venturoso.

Comezamos con moitos interrogantes e dúbidas. Eramos un equipo novo e, pese a confiar na eficacia do alumnado colaborador da biblio,  do Proxecto de 3º de ESO BiblioActiva e do equipo de radio guiado por  Belén Riádigos, RadioActiva, había moita incertidume. Mais tamén gañas. 

Certo é que todo se pode mellorar e tomamos nota dalgúns aspectos que nos fostes transmitindo, mais no EDB estamos abondo satisfeitas co labor realizado. Un equipo que, de momento continúa, aínda que se ventan cambios cara a setembro.

Como antes dixen, quen se viña ocupando das entrads do blog, está por fin de vacacións e correspóndelles xa un merecido descanso. Con todo, queremos dar testemuño da entrega deste equipo de BiblioActiva, do mesmo xeito que viñemos dando conta doutras actividades e participacións ao longo do curso.

E é que tivemos como traca final, para despedir o curso dende a biblio, a posta en escena do proxecto Donas de si  que consistiu nun teatro de sombras  no que colaborou o alumnado de 1º ESO  de Plástica, na elaboración de siluetas; o alumnado de 2º de ESO de Tecnoloxía, na construción da estrutura (pantalla); e do alumnado de BiblioActiva na dramatización.

É a verdade é que o iniciamos con entusiasmo, transitamos pola vertixe para acabar rendéndonos ante o saber facer do noso alumnado. 

1. Preparándonos e organizando o proceso
 


 

2. Unha vez montada a peza o alumnado organizouse para facer o derradeiro ensaio xeral




3.Estrea entre bambalinas...


 

4. A representación xa co público diante.


 

5. Saúdos de todo o alumnado que participou (actores, voces, dirección e equipa de son)

 

6. Satisfacción polo traballo feito.

As artes escénicas chegaron para quedar. O vindeiro ano máis !!

 

martes, 12 de mayo de 2026

GALA DOS PREMIOS JOSÉ HERMIDA

O pasado venres, o alumnado pertencente ao club de radio asistiu á segunda edición da gala de Premios Jose Hermida, organizada pola Cadena SER, en Pontevedra. Quedamos entre os vinte finalistas, polo noso programa relacionado coa IA, Conexión futuro. 


A gala estivo chea de sorpresas: gozamos co grupo De vacas, que fai versións de temas comerciais cun toque humorístico en galego; escoitamos o sorprendente Coro A Xunqueira, do IES Xunqueira I, e tivemos a sorte de presenciar un espectáculo de maxia protagonizado por Pedro Volta, un famoso ilusionista.

 

Estamos moi contentos e contentas por esta oportunidade e, dende esta entrada, queremos agradecer a Belén por axudarnos con este programa e facer posíbel acadar novas metas xuntos.

 


domingo, 10 de mayo de 2026





 

CELEBRANDO O DÍA DO LIBRO

Certo é que pasou tempo abondo dende o Día do Libro, mais coas vacacións de Pascua polo medio quedáranos esta entrada  sen incluír, e non era cousa de deixala pasar.

Para conmemorar ese día, a Biblioteca organizou diferentes actividades que contaron coa participación do alumnado do centro.

Cunha presentación preparada por Beatriz Salvo, a profe de EPeV, durante os recreos activos da semana do 20 a 24 de abril dedicámonos a dar nova vida a algúns dos nosos fondos expurgados.




Houbo diversas intervencións, mais non todas concluídas. Esperemos que as súas “autoras” veñan rematalas para que pasen á categoría de Libros intervidos, como estes que aquí aparecen:




Tamén se organizou unha Caza do tesouro para premiar o bo uso da biblioteca e repasar a formación de usuarios. Establecéronse diversas quendas e equipos,  pretendendo que  fosen equilibrados, e houbo premios para os que “mellor se manexaron”.




Ha, ha! Estabamos tan metidas na actividade que esquecemos as fotos!






Tras o éxito da convocatoria do ano pasado,  non podía faltar a convocatoria do concurso Un libro é unha porta que se abre de simulación das portas das aulas coma cadansúa tapa dun libro real ou evocado.

Dunha forma ou doutra, houbo propostas de todos os cursos e grupos. O xurado coas rúbricas nas mans foi percorrendo o centro na procura da portada que chamase a súa atención...



E as gañadoras resultaron ser...


E velaquí a celebración 









viernes, 8 de mayo de 2026

UN ENCONTRO INESQUECIBLE CON ROCÍO LEIRA

O pasado 22 de abril a nosa biblioteca encheuse de emoción, curiosidade e palabras grazas á visita de Rocío Leira, autora de Tres catorce dezaseis, a obra que compartimos no club de lectura durante o segundo trimestre.

Despois de convivir coas páxinas desta historia que mestura misterio, suspense e matemáticas, poder coñecer a persoa que lle deu vida foi un auténtico privilexio. Rocío achegounos ao proceso de creación da novela, ás emocións e experiencias que a inspiraron e fíxonos sentir, unha vez máis, a maxia da lectura.

Foi un encontro moi especial no que puidemos compartir impresións, emocións, preguntas e reflexións sobre unha obra que nos gustou moito.  A cercanía da autora, a súa xenerosidade e a maneira de responder cada unha das nosas preguntas (que foron moitas!) e ata dedicar cada un dos nosos exemplares fixeron que a mañá resultase inesquecible.

Grazas, Rocío, por regalarnos o teu tempo, as túas palabras e a túa mirada sobre a literatura en galego. Levaremos connosco este encontro como un deses momentos que fan da biblioteca un lugar cheo de vida.



martes, 5 de mayo de 2026



 PARABÉNS ÁS REPORTEIRAS DE 3º ESO


O IES de Meaño acaba de ser galardoado no concurso de Pódcasts-Radio na Biblio. O traballo gañador, titulado O pracer de tecer vida, foi creado polas reporteiras de 3º de ESO e ofrece un percorrido ameno pola biografía de Begoña Caamaño, homenaxeada nas Letras Galegas 2026.





martes, 14 de abril de 2026

"A AUTORIZACIÓN DO CENTRO DA PALABRA"

    O pasado 9 de abril, veunos visitar Sofía Muñiz Somoza, a creadora do poemario A autorización do centro da palabra. Sofía o ano pasado traballou nestre centro como profesora de lingua galega e literatura. Para o seu alumnado foi moi emotivo volvela ver, nesta ocasión noutro contexto, acadando un dos seus obxectivos. A finalidade da charla era coñecer de primeira man os seus poemas. 

    Chegando ao final da charla, Sofía recitounos un texto que creou para nós, con versos de diferentes poemas do seu poemario. Finalmente, fixemos unha pequena rolda de preguntas e Sofía animounos a escribir todo o que nace no noso pensamento.  


Achegamos imaxes da actividade:










domingo, 29 de marzo de 2026

OS MÓNOLOGOS VIAXAN Á PRIMARIA

O pasado venres 27 de marzo, tivemos a oportunidade de compartir os monólogos que fixemos na materia de Lingua Galega de 3º co alumnado de 5º e 6º do CEIP Coirón Dena. Polo que nos dixeron, quedaron moi contentos co noso traballo e grazas a eles soubemos superar un pouco os nervios á hora de falar en público.

Achegámosvos imaxes da actividade: