Por fin chegaron os diplomas do alumnado colaborador do curso pasado e xa fixemos entrega deles. Agradecemos todo o traballo realizado ao longo do curso. Este ano seguen parte deles e incorpóranse outro alumnado, sobre todo de 1º da ESO. Graciñas!
Por fin chegaron os diplomas do alumnado colaborador do curso pasado e xa fixemos entrega deles. Agradecemos todo o traballo realizado ao longo do curso. Este ano seguen parte deles e incorpóranse outro alumnado, sobre todo de 1º da ESO. Graciñas!
A biblioteca ten
preparados unha serie de retos para realizar ao longo do
curso. Todos eles están pensados para traballar a compotencia AMI
(alfabetización mediática e informacional) e a dedución lóxica.
Cada mes proporemos un reto distinto e acadaredes puntos (selos) pola
correcta solución, pero tamén pola data de entrega. En cada reto explicaremos
os puntos da solución. En canto á data de entrega, daranse catro selos se a
entrega da ficha se fai durante a primeira semana do mes; tres, se se entrega
na segunda semana; dous, na terceira; e un, na cuarta. Na ficha, que
recolleredes na biblio, poñeredes os vosos datos, a solución e o día de
entrega, porque en caso de empate, teremos en conta o día concreto da semana.
Oo final de curso daremos un agasallo a quen gañe o concurso!
Podedes e debedes botar man da vosa familia para que vos axude na
resolución. Aproveitade para descubrir todo o que saben! De feito no 1º reto
podedes pasar un bo intre e ata podedes botar unhas risas!
O día 1 de outubro publicaremos no blog o 1º reto. Tamén estará
nos taboleiros da biblio. Estade atentos!
A primeira semana do curso, do 12 ao 16 de setembro, fixemos a formación de usuarios para todo o alumnado porque houbo moitos cambios na biblioteca e cumpría aclaralos a toda a comunidade educativa.
Pasaron todos os cursos polas bancadas. Cos de 1º da ESO a formación foi máis específica. Compartimos actividades e xogamos un pouco!
Ola a todas e todos!
Xa estamos de volta! E máis cedo ca nunca. A aula creativa xa ten as portas abertas e a biblioteca está chea de libros, películas, xogos,... esperando que os recollades.
Por fin recuperamos a normalidade e, con ela, os espazos perdidos, así que volvemos a ter zonas de lectura informal espalladas polo centro; e os xogos saen da biblioteca para que poidades pasalo ben sen molestar.
Lembrade que usamos un programa de xestión novo, o Koha, polo que xa non é preciso o número de lector que vos dabamos antes. Tamén temos á nosa disposición a plataforma E-LBE.2 para a lectura en formato dixital, pero ademais contén outros fondos (podcast).
Axiña poremos en marcha a "Hora de Ler", así que pasade a recoller as vosas lecturas á biblioteca, que temos libros novos, interesantes e ben bonitos.
Vémonos nas sucesivas formacións de usuarios da próxima semana, durante as cales buscaremos "voluntarias e voluntarios" de biblioteca, membros para o club de lectura e un posible club de radio,... Apúntaste?
Ata daquela!
No acto final de curso o alumnado colaborador de biblioteca recibiu cadanseu agasallo por todo o traballo realizado. Na imaxe temos o momento en que o recolleron. Parabéns e moitas grazas.
Froito da colaboración entre a materia de Lingua Galega e a Biblioteca, sae este libriño de haikus. A metade deles están dedicados á guerra en Ucraína. Esperamos que vos guste:
O alumnado de 1º da ESO está creativo, así que da man da súa profesora de Francés, Sandra Sánchez, puxéronse a elaborar cómic neste idioma. Crearon obras ben bonitas. Botádelles un ollo:
O Equipo Directivo, o Departamento de Orientación e Biblioteca púxose en contacto con Pablo Piñeiro, un exalumno do centro, para que nos viñese dar unha charla aos grupos de 3º e 4º da ESO sobre as perspectivas de futuro. Pablo lembrou os seus anos no centro e como probou múltiples facetas e actividades na súa vida: foi deportista (xogador de fútbol), escritor (temos na biblio un exemplar do seu libro De tu corazón a mi libro), modelo e actor. A súa visita trouxo sorpresa, xa que veu acompañado de Fran Perea, con quen actúa no espectáculo Lo que te contaron del amor, e que participou tamén na charla. Houbo autógrafos, alumnado que quería coñecelos,... e tamén algún profesorado! O mellor é que o alumnado quedou encantado.
A nosa nova aula creativa dá moito xogo. Estes días o alumnado de 3º da ESO está elaborando unhas táboas peiódicas interactivas. Traballan en conxunto na materia de Tecnoloxía e Física e Química. E que mellor espazo para facelo que na aula creativa?
Este ano Biblioteca celebrou o Día do Libro xogando e lendo en compañía. Fixemos tamén unha exposición cos libros que relacionados coas bibliotecas, as lecturas, e con queles outros que chamamos "bonitos", obras preciosas que temos na biblio e animan a botar unha ollada.
As lecturas compartidas correron a cargo de dúas profesoras de lingua, castelán e galego, que leron dous contiños durante o 2º recreo do mércores 20 e do xoves 21 de abril na zona de bancadas da nova aula creativa/biblioteca.
O alumnado de 2º da ESO traballou en Lingua Galega o haiku. Biblioteca animounos a elaborar unha serie deles motivados pola guerra en Ucraína. Deste xeito, a rapazada achegouse á sociedade e fíxose partícipe da dor e o sufrimento do pobo. Vaia, que a guerra entrou tamén nas aulas, e o alumnado amosou unha sensibilidade incrible. Finalmente expuxéronse na entrada do centro.