lunes, 29 de diciembre de 2025

Bo Nadal!

 Celebración do Nadal

    O pasado 19 de decembro despedímonos do 1º trimestre cunha celebración organizada polo alumnado de 4ºESO.  Este día estivo cheo de sorpresas.

    En primeiro lugar, pasamos un pouquiño de medo no túnel do terror que, aínda que era unha actividade organizada para a celebración do Samaín, resultou imposíbel gozar del por uns imprevistos técnicos; para visibilizar o traballo realizado nel decidiuse facer nesta data. Pasamos un Nadal cheo de sustos!

    Máis tarde fixemos unha xincana guiada polos nosos compañeiros e compañeiras de 4º, que nos daban pistas para chegar a lugares onde nos agardaban para facer diferentes actividades. As actividades eran moi variadas e divertidas, como xogos coa pelota, mímica, preguntas sobre o Nadal... Todo o centro competía por facelo no menor tempo posíbel e o grupo gañador foi premiado cun agasallo.

   Pouco despois fixemos un Kahoot relacionado coa festividade e nel participaba cada clase como grupo, os gañadores tamén recibiron unha sorpresa. Xusto despois o alumnado de 4º tiña organizado un concurso musical: por parellas, concursábase para escoitar unha canción: o primeiro en coller o borrador tiña a quenda de palabra e podía dicir o título da canción, o nome do cantante ou continuar cantando. O gañador de cada clase competiu nunha final organizada no pavillón.

   A seguir, fixemos divertidas actividades no pavillón. Para comezar, tivo lugar a actividade do concurso de talentos, nel participou alumnado de diversas idades. Actuaban diante de todo o instituto e había un xurado formado por persoal docente, non docente  e alumnado que valoraba cada talento.  O concurso estivo cheo de actuacións diversas, como rapeiros, cómicos... As gañadoras foron un grupo de nenas de 3º chamadas "Olor a miel" que nos asombraron coa súa  coreografía de acrosport. 



     No pavillón tamén se entregaron os premios do concurso de sobremesas, nel participaron moitos nenos e nenas que fixeron sobremesas de Nadal. Varios xuíces degustaron cada sobremesa e elixiron como gañadora unha alumna de 1°.





     Finalmente, houbo unha emotiva despedida de dous profesores moi representativos do centro. 


       Despedímonos de Tana, que se xubila despois de pasar toda a súa vida laboral no IES de Meaño. Primeiro, Nicolás Buceta leu un pequeno e cariñoso discurso e logo todo o alumnado de 1° saíu a cantar un tema chamado “We’re going to be friends”, unha canción dos “The White Stripes” que cantaban con ela na aula.


 



  Tamén houbo unhas bonitas e alentadoras palabras para despedir a Roberto, que se vai en comisión de servizos a América Latina.


     Desexámoslles que lles vaia moi ben nesa nova etapa que inician e que saiban que o IES de Meaño será a súa casa, mentres haxa nel alguén que os lembre.


       E como coa despedida de Tana e Roberto queda esta entrada un pouco triste, lembrámosvos que iniciamos as tan necesitadas vacacións. Así que: 


Moi bo Nadal!


martes, 2 de diciembre de 2025

Celebración do 25N

    25N: Voces que non calan!


    Bo día! Estades preparados para un dos días máis importantes de todo o ano? Nós estamos máis que listas para afrontar este día cheo de expectativas. O 25N é unha data para denunciar todas aquelas violencias recibidas polas mulleres e os seus fillos. Este día foi escollido para lembrar as irmás Mirabal, que foron brutalmente asasinadas na República Democrática en 1960 por ser mulleres e activistas. Son coñecidas como “As bolboretas”.


    En primeiro lugar, todas as compañeiras de BiblioActiva estivemos traballando nun programa de radio para recordar a importancia de facernos fortes coa nosa voz e non quedar caladas ante as inxustizas. Este programa foi escoitado por todo o centro no pavillón. Alí as nosas compañeiras de 4ºESO fixeron unha exposición sobre varias mulleres que sufriron violencia de xénero. 






    Tamén fixemos actividades na clase, como un cuestionario relacionado coa celebración do día e outras dúas actividades feitas por Lourdes Atencia Ruiz sobre a prostitución, como unha forma máis de violencia sobre as mulleres que tendemos a normalizar. Achegamos as dúas últimas para todo aquel que teña interese en facelas:


Actividade 1       Actividade 2


    Dende a biblioteca tamén se colaborou para facer este día moito máis importante, recompilando libros que xiran ao redor do tema, así todos podemos aprender máis cousas e estar alerta.